PRECAUCIÓNS E CONTRAINDICACIÓNS DA VACINACIÓN ANTIGRIPAL
• A vacina non se lles debe administrar a persoas con antecedentes de reacción anafiláctica a doses previas ou a algún compoñente da vacina.
• No caso de enfermidade febril severa concorrente, a vacinación deberá diferirse ata que remitan os seus síntomas.
• Persoas que non sexan de alto risco e que padeceran síndrome de Guillain-Barré (SGB) nas 6 semanas posteriores a unha dose previa de vacina antigripal.
Aínda que non existe unha clara evidencia da asociación causal entre a vacina antigripal e a SGB (síndrome de Guillain-Barré), nese caso parece prudente non administrarlles a vacina.
• No caso de persoas de alto risco con contraindicación á vacina, a utilización de antivíricos é unha opción para previr á gripe, e igualmente débese lembrar a vacinación dos seus conviventes.
FALSAS CONTRAINDICACIÓNS DA VACINACIÓN ANTIGRIPAL
• Enfermidades menores con ou sen febre non contraindican o uso da vacina da gripe, particularmente en nenos con infección leve do tracto respiratorio superior ou rinite alérxica, polo que nestes casos a vacinación non se debería pospoñer.
• Estar a tratamento antibiótico tampouco é unha contraindicación.
• No caso de persoas con antecedentes de SGB (síndrome de Guillain-Barré) que teñen un risco moi elevado de complicacións gripais graves, a maioría dos expertos creen que os beneficios da vacinación antigripal xustifican o seu uso, xa que o padecemento da gripe implica un maior risco de presentar recaídas respecto á SGB que a vacinación. As investigacións realizadas indican que non existe un incremento substancial da incidencia desta síndrome coa vacinación antigripal.
• A aplicación da vacina non está contraindicada en persoas inmunodeficientes calquera que sexa o motivo, dado que as vacinas dispoñibles son vacinas inactivadas e, polo tanto, non existe risco de proliferación viral incontrolada. Tan só se pode esperar unha menor resposta inmune.
• A vacinación tampouco está contraindicada no período de lactación materna. Ao contrario, está recomendada pois evita riscos á nai e ao neno.
• As vacinas Vaxigrip Tetra® e Flucelvax Tetra® (as utilizadas este ano na campaña) están exentas de látex. Na vacina Chiromas® (tamén utilizada na campaña), aínda que non se detectou látex de caucho natural no tapón da punta da xiringa, non se estableceu a seguridade do seu uso en persoas sensibles ao látex.
• As vacinas Vaxigrip Tetra® e Chiromas® están cultivadas en ovos, non obstante, existe evidencia suficiente para recomendar que as persoas con historia de alerxia despois da exposición ao ovo poden recibir vacinas fronte á gripe sen precaucións especiais. As precaucións deben ser similares ás tomadas ante a administración de calquera outra vacina. No caso de ter presentado reaccións alérxicas graves ou anafilaxia ao ovo, realizarase a vacinación por persoal con experiencia e supervisarase 30 minutos tras a administración.
• As persoas con trastornos da coagulación ou en tratamentos anticoagulantes poden desenvolver hematomas no lugar da inxección. Isto non contraindica a vacinación e, de precisar unha vacina cuxa vía de administración sexa unicamente intramuscular, debe utilizarse unha agulla fina (calibre ≤ a 23 G) aplicando presión local sen frotar durante como mímimo 2 minutos. Se está con tratamento fronte á hemofilia ou similar, aproveitarase para vacinar inmediatamente tras a administración do tratamento. En todo caso, é aconsellable consultar co seu médico.
En caso de que este desaconsellara de xeito individual a un paciente a vía intramuscular nesta campaña podería administrarse Vaxigrip tetra® que segundo a súa ficha técnica pódese administrar subcutánea.
• Pódese administrar conxunta ou en calquera intervalo coas vacinas antialérxicas.