Embarazo e vacinación

Embarazo e vacinación

Preguntas frecuentes acerca da vacinación contra a gripe na embarazada.

1- Por que a gripe é máis grave nunha muller embarazada?
Os cambios fisiolóxicos que se producen no sistema inmunitario (alteracións da inmunidade mediada por células), así como no corazón e nos pulmóns durante o embarazo (e ata dúas semanas despois do parto) fan que as mulleres embazadas sexan máis propensas a desenvolver unha enfermidade grave a causa da gripe [1]. As mulleres embarazadas con gripe tamén teñen maior probabilidade de desenvolver problemas graves co seu bebé durante a xestación, ademais a gripe pode complicar o traballo de parto e producir un parto prematuro [2].

2- En que fase do embarazo as mulleres embarazadas deben recibir a vacina contra a gripe?
A todas as mulleres embarazadas debe ofertárselle a vacina inactivada contra a gripe durante o embarazo, con independencia da súa fase de xestación. Diferentes estudos demostraron que as mulleres embarazadas poden recibir con seguridade esta vacina durante o embarazo [3]. Os nenos tamén se benefician xa que a vacinación durante o embarazo proporciona inmunidade pasiva aos neonatos nos primeiros meses despois do nacemento [4]. Nun estudo recente atopouse unha redución do 64% de síntomas de gripe, 70% de gripe confirmada por laboratorio e 81% das hospitalizacións de gripe nos 6 primeiros meses de vida de bebés nados de mulleres vacinadas contra a gripe durante o embarazo [5].

3- A vacina contra a gripe pode ser administrada á vez que a vacina contra a toseferina e/ou vacina anti-D?
A vacina contra a gripe e a vacina da toseferina son vacinas inxectables inactivadas polo que poden administrarse o mesmo día ou en calquera intervalo entre elas. As mulleres embarazadas deben recibir a vacina contra a gripe durante a campaña, con independencia da fase do embarazo. A vacina contra a gripe, a toseferina e vacina anti-D poden ser administradas á vez ou con calquera intervalo entre elas.

4- A vacina da gripe pode ser administrada a mulleres lactantes?
Si, a vacina contra á gripe pode ser administrada a mulleres lactantes, con todo, as mulleres lactantes non forman parte dos grupos nos que está recomendada a vacinación, a menos que forme parte dun grupo de risco clínico.

5- Onde podo obter máis información sobre a campaña actual de vacinación contra á gripe?
Na web temática da Consellería de Sanidade: http://gripe.sergas.es/

 

 

REFERENCIAS:

[1] Goognight WE, Shoper DE. Pneumonia in Pregnancy. Crit Care Med 2005; 33 (Suppl): S390-7

[2] Omer SB et al. Maternal influenza immunization and reducer likelihood of prematurity and small for gestational ages birth: a retrospective cohort study. PloS Med 2011; 8(5): e1000441

[3] Tamma PD el al. Safety of influenza vaccination during pregnancy. Am J Obst Gynecol 2009; 201(6): 547-52

[4] Phoeling et al. Impact of maternal immunization on influenza hospitalization in infants. Am J Obstet Gynecol 2011; 204 (Suppl): S141-8

[5] http://pediatrics.aappublications.org/content/early/2016/04/30/peds.2015-2360

 

 

A nosa prioridade, a túa garantía
Xunta de Galicia © Xunta de Galicia. Información mantida e publicada en internet pola Consellería de Sanidade - Servizo Galego de Saúde